Hoxe 10 de novembro cúmprense 80 anos do asasinato en 1936 en Redondela do xornalista e escritor José Manuel Antonio Lustres Rivas. Hoxe La Voz de Galicia edición Barbanza, publica un artigo non que se recollen, moi resumidos, datos sobre o fillo predilecto de Riveira. Amais podedes ver mais datos noutra entrada dá nosa páxina sobre Lustres.
Lustres Rivas o grande esquecido, o grande esquecido
--------
O chegar á universidade na década dos setenta, caeu nas miñas mans “El primer Castelao”, de J.A. Durán, unha obra de referencia obrigada naqueles estertores do réxime. Precisamente o meu achegamento á biografía do insigne rianxeiro permitiume descubrir o labor dun ribeirense que foi amigo, compañeiro de estudos e da súa traxectoria pública e do que non se falaba na vila ó ser unha vítima daquela nefasta época fratricida.
A principios de 1986, ano no que se cumprían cincuenta do seu asasinato, propuxen nun artigo a necesidade de recuperar a súa figura e obra. Aquela iniciativa sería recollida polo noso Concello, hai que dicir que non sen certas reticencias inicias, e en novembro dese ano dedicóuselle a rúa da casa onde nacera e unha placa de lembranza, amais de nomealo fillo predilecto da cidade.
O último dos recoñecementos públicos realizábase hai apenas dous lustros, cando atinadamente o Concello decidiu poñerlle o seu nome ó centro cultural. E adiantamos xa aquí que a seguinte homenaxe terá lugar dentro duns días, cando o Concello faga a edición facsimilar da obra “Pandemonium”, unha compilación dos artigos e ensaios que o autor publicou en diversos medios da época.
Resumir neste artigo a súa traxectoria é materialmente imposible, polo que tratarei de salientar algúns aspectos da súa vida que nos sirvan para coñecer o personaxe que hoxe lembramos.
Hai que remontarse á pequena poboación que configura a Santa Uxía de finais do século XIX. Alí nacería José Manuel Antonio Lustres Rivas o martes 10 de xaneiro de 1888 na casa familiar da rúa Venecia. Fillo do piloto de buque mercante José Lustres Gómez e de María Rivas Otero, Lustres faría os seus estudos de Bacharelato en Santiago, onde iniciaría Medicina, o que lle permitiría coñecer a Castelao, do que sería compañeiro e amigo. Lustres deixaría a carreira para dedicarse ás letras e desenvolvería unha intensa biografía, facendo o seu labor sobre todo no xornalismo, na política, na literatura e no debate das ideas.
En Compostela intégrase no histórico faladoiro do Café Colón, xunto a Castelao, Luis Villardefrancos, Ramón Garaboa e Javier Montero. E alí, na época de estudante, empezaría a súa traxectoria xornalística. En 1906 traballa xa en “El Miño de Orense” e en 1907 en “Galicia Nueva” e tamén na “Gaceta de Galicia”, que se editaba en Vigo. Deses tempos hai que salientar a publicación de “Galicia Moza”, pequeno folleto do que só saíron dous números en xaneiro de 1909. Precisamente nese ano escribiría a que foi a primeira loa a Castelao, “Los que triunfan”, título do artigo publicado no número 1 da emblemática“Vida Gallega”.
A súa versatilidade como autor quedou de relevo coa publicación de novelas, obras de teatro, poesía e ensaios, se ben a súa verdadeira vocación sempre foi o xornalismo.
Participou activamente nos principais diarios galegos da época, como os xa citados, e máis tarde en “El Heraldo Gallego”, do que foi director varios anos; “La Crónica” de Vigo, o xornal “Galicia” e o “Faro de Vigo”, do que foi xefe de redacción. Tamén en Madrid en “España Nueva”,” La Jornada”, “El Liberal”, “El Sol” e na capital catalá en “La Publicidad”.
Traxectoria Política
Iníciase no agrarismo e así en 1912 asina o “Manifesto de Ourense” de dirixe o voceiro deste movemento, “Acción Gallega”. Participa amais nas campañas de axitación ata que racha a súa relación con Basilio Alvarez,. Xa en 1917 intervén na fundación da Irmandade da Fala de Vigo e colabora con “A Nosa Terra” ata que marcha á Arxentina, onde dirixirá brevemente a revista “Céltiga”.Regresa posteriormente e pasa a ser redactor xefe do histórico xornal vigués “Galicia” e despois colaborar noutros medios.
Á volta da súa segunda etapa na emigración, incorpórase ó Comité Autonomista de Vigo, formado polos antigos membros das Irmandades e foi elixido en 1931 directivo do equipo presidido por Valetín Paz Andrade. Todo apunta a que formou parte da masonería e a UXT e, sen chegar a militar no Partido Galeguista, participou activamente nas campañas a prol do Estatuto do 36.
Iniciada a guerra e pesar das presións da súa dona, Emilia Fernández, para ir a Ribeira, onde poderían ter máis protección por parte de coñecidos da familia, Lustres negaríase e sería arrestado no seu domicilio a finais do mes de agosto, tras asistir á lectura do bando que declaraba o estado de guerra na cidade olívica.
O xornalista figurou ata catro veces en listas para ser “paseado”, pero librouse en tres delas, grazas seguramente á influencia do director do xornal vigués. Sería levado primeiro á prisión que se habilitara no frontón e despois á Illa de San Simón, onde permanecería á espera de xuízo. O 8 de novembro foi trasladado ó calabozo de Redondela para comparecer ó día seguinte. Na noite do día nove foi trasladado con esa desculpa, en compañía doutros catro detidos; todos eles aparecerían mortos tal dia coma hoxe hai 80 anos. Lustres foi asasinado sen xuízo e sen consello de guerra.
As circunstancias que rodearon a súa morte non están de todo claras, xa que a súa traxectoria política dera un claro xiro moderado nas últimas etapas da súa vida. Os seus restos mortais, despois de ser identificados pola familia, serían enterrados primeiro en Redondela e actualmente descansan no camposanto vigués de Pereiró.
Lustres desenvolveu unha ampla cantidade de escritos, que abranguen desde a súa faceta como autor de teatro, a articulista ou autor de prosa, e incluso chegou a facer unha guía de viaxes polas Rias Baixas co mar como fondo.
Reuniu os seus ensaios na obra “Pandemonium” (1917), publicou un folletín en “La Correspondencia de España” de Madrid: “La Fratricida”. Un dos seus mais destacados traballos foi como dramaturgo, e estreou en Vigo en 1923, en colaboración con Ramiro F. del Valle, a comedia en dous actos,“La hora grande”, que se representaría no Teatro Tamberlick. Con Ramón Fernández Mato estreou a comedia, “Peregrino de la ilusión”. Tamén publicou en galego diversos artigos en xornais e revistas como “ A Nosa Terra”. Lustres recibiría numerosos galardóns e sería considerado mestre de xornalistas. No momento da súa detención era presidente da Asociación da Prensa de Vigo e amais director da “Hoja del Lunes de Vigo”.
Manuel Lustres quedaría no esquecemento e soamente Ribeira recuperaría a súa traxectoria coa dedicatoria dunha rúa, poñendo o seu nome ó centro cultural e concedéndolle o título de Fillo Predilecto a título póstumo o 5 de decembro de 1986. Lustres segue a ser hoxe o gran descoñecido para o resto do país.
Manuel Lustres quedaría no esquecemento e soamente Ribeira recuperaría a súa traxectoria coa dedicatoria dunha rúa, poñendo o seu nome ó centro cultural e concedéndolle o título de Fillo Predilecto a título póstumo o 5 de decembro de 1986. Lustres segue a ser hoxe o gran descoñecido para o resto do país.

Bos dias. Estamos buscando información sobre Buenaventura Lustres Rivas subdelegado de mariña de Marín (Pontevedra) separado do servizo en 1936. Quixeramos saber se era irmán de Manuel Lustres Rivas e se teñen algunha información sobre el
ResponderEliminar